Thursday 02 de May de 2024

O Concello abre un novo espazo expositivo dedicado a María Casares na Casa Museo Casares Quiroga


A Casa Museo Casares Quiroga abre ao público desde mañá o novo espazo “María”, reservado a lembrar e resaltar a figura da actriz coruñesa

O Concello incrementa o seu patrimonio coa incorporación do caderno escolar da actriz e o pasaporte do matrimonio Casares, doados polo Ateneo Republicano

Máis de 8.300 persoas asistiron aos 83 actos promovidos o ano pasado polo Concello na conmemoración do Ano Internacional María Casares

O Concello da Coruña abre desde mañá un novo espazo especialmente dedicado a María Casares dentro da Casa Museo Casares Quiroga para lembrar a figura da actriz coruñesa. Na sala haberá nova documentación e recordos relativos tanto a ela como á súa familia, entre os que figuran o seu caderno escolar e o pasaporte do matrimonio Casares, entregados hoxe polo Ateneo Republicano de Galicia ao Concello.

O espazo María Casares está no terceiro andar, ampliando con iso a zona dedicada á actriz coruñesa. A sala “María” ocupa o espazo do seu cuarto de nena, e nela unha exposición permanente percorre a través de documentación, imaxes e obxectos orixinais a vida dunha das creadoras imprescindibles da cultura e europea do século XX.

Esta musealización forma parte do traballo de María Lopo como comisaria das actividadesconmemorativas do Ano María Casares, iniciado coa gran exposición “María Casares, actriz océano. Itinerario vital dunha exiliada” realizada no Quiosco Alfonso.

Precisamente moitos dos obxectos e documentación recompilada e exposta na conmemoración do centenario do nacemento de María Casares, pasan agora a engrosar o espazo dedicado a ela na casa museo, incorporándose ao patrimonio cultural e artístico do Concello.

Dúas destas pezas doounas hoxe o Ateneo Republicano de Galicia no transcurso dun simbólico acto desenvolvido na Casa Museo Casares Quiroga que contou coa participación do concelleiro de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego, Jesús Javier Celemín e o presidente do ateneo, Juan Luís Pérez Alvajar.

Trátase do caderno escolar de María Casares, de 24 páxinas, e do pasaporte do matrimonioCasares, de 32 páxinas, expedido o 18 de abril de 1922 na Coruña, que complementan outros fondos documentais públicos e privados que se custodian na Casa Museo Casares Quiroga e co que o seu estudo permitirá mellorar os coñecementos sobre a memoria histórica desta cidade e o desenvolvemento de actividades de difusión do patrimonio documental que realiza esta casa museo. Coa súa incorporación, o Concello enriquece notablemente o seu propio patrimonio histórico documental.

Jesús Celemín destacou que na Casa Museo Casares Quiroga quedan tamén reflectidas as complexas épocas e circunstancias que lle tocaron vivir a María Casares e a unha xeración de homes e mulleres marcadas pola Guerra Civil e o exilio. “Desde este espazo, desde a Casa Museo Casares Quiroga, A Coruña trata de saldar e pechar esa débeda con aquelaspersoas que sufriron esa represión, porque a orixe e a evolución da casa museo corre en paralelo ao propio desenvolvemento da historia recente de España, de tal maneira que hoxe é un espazo para a participación e a reparación”, indicou.

Tamén quixo poñer en valor que a Casa Museo Casares Quiroga eríxese como un foro de discusión e participación social, mediante a programación de actividades culturais e pedagóxicas, nun espazo referente para os estudosos e investigadores e nun axente de recuperación da memoria, “consciente da responsabilidade social que lle corresponde, porque a reparación simbólica é tamén un modelo de xustiza que nos lembra que non hai futuro sen pasado”, engadiu.

Moitas das pezas incorporadas ao espazo “María” formaron parte das diferentes actividades desenvolvidas polo Concello con motivo do Ano Internacional María Casares. Nesta efeméride foron finalmente 83 as actividades organizadas, coa participación de máis de 8.300 persoas, das que 3.600 foron visitantes á exposición “María Casares, actriz oceáno”.

Dez exposicións, diálogos e visitas teatralizadas, elaboración e gravación de podcasts biográficos, un congreso internacional, charlas, conferencias, presentacións de libros, cesión de cadros de Sofía Gandarías, xornadas sobre o exilio e os refuxiados, cadernos didácticos, publicacións en banda deseñada, edición de selo e cuño oficial, postcrossing, producións teatrais e cinematográficas, rutas ou música contemporánea, son algunhas das actividades desenvolvidas durante 2022 para lembrar a figura de María Casares.

Foron un total de 24 organismos os implicados na organización destas actividades, dos que doce son franceses. Entre elas figura a Biblioteca Nacional de Francia, o Instituto Cervantes, as dúas casas dedicadas a María Casares en Avignon e Alloue ou a Universidade de Avignon.

A conmemoración do centenario do nacemento da actriz permitiu recuperar e potenciar a súa figura e identificar María Casares coa Coruña, vencellando á vez a cidade con París e con Francia, fomentando con iso a conexión cultural e social da Coruña con Europa.

De xeito paralelo, esta conmemoración axudou a recuperar a memoria do exilio coruñés e da propia República na Coruña, contrarrestando os malos tratos políticos e a difamación da que foi obxecto Casares Quiroga e a súa familia, concretamente o sufrido durante o espolio e prostración durante o franquismo.

A recuperación da figura de María Casares permitiulle ao Concello, ademais, visibilizar as mulleres independentes, destacando o papel da muller, de mulleres referentes, na cultura e na vida social, tal como demostra que María Casares sempre levou con orgullo e dignidade o feito de ser muller galega e viu a figura da súa avoa cigarreira como encarnación das mulleres independentes, libres e fortes.